Publicador de contidos
Publicador de contidos

A IXP vitivinícola Terras do Navia entrará en vigor en vinte días

A IXP vitivinícola Terras do Navia entrará en vigor en vinte días

Abrangue 19 hectáreas de 20 pequenos adegueiros de Negueira de Muñiz, A Fonsagrada e Navia de Suarna 

G24.gal 16/02/2023 20:49 Última actualización 16/02/2023 21:31

Os 20 viticultores da Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do río Navia teimaron desde 2019, e por fin o conseguiron, que Europa aprobase a Indicación Xeográfica Protexida, de nome Terras do Navia, para os seus viñedos e viños, distintivo de calidade.

Para Manuel Cancio e José Manuel Méndez, viticultores de Negueira de Muñiz, isto é un merecemento para o seu longo traballo.

"Xa estamos noutra liga, Non ten que ver facer un viño de mesa como faciamos con facer un con denominación de orixe".

"Un pulo para toda a xente que xa comezou e a que quere comezar, porque hai máis xente que quere comezar".

Están impacientes por comezar a embotellar coa nova etiqueta os seus viños tintos e brancos procedentes de catro variedades: as autóctonas branca lexítima e tinta serodia canda a merenzao e a mencía. Disque xa teñen toda a produción vendida e que só agardan polas contraetiquetas para sacalo, porque os clientes están agardando.

A nova indicación ampara os viños producidos en todo o concello de Negueira de Muñiz e máis nunha ducia de parroquias da Fonsagrada e de Navia de Suarna, cun total de 19 hectáreas de viñedos de pequenos produtores, en terreos que de vello eran para autoconsumo.

"Isto perdíase. Nos 60 había 130 hectáreas, era un potencial, era un modo de vida", asegura Manuel Cancio.

"As mellores viñas, as máis antigas quedaron baixo o encoro ou perdéronse polo despoboamento", explica Méndez.

Os viños das terra do Navia son limpos, brillantes, frescos e suaves con aromas a froita e flores, cunha gradación arredor dos 13 graos e acidez equilibrada.

Os viticultores agardan que o selo de calidade turre do turismo enolóxico e con el do resto da comarca.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade