A seca e a sobreexplotación deixan sen auga a lagoa máis grande de Doñana
A seca e a sobreexplotación deixan sen auga a lagoa máis grande de Doñana
O director da estación biolóxica do parque nacional pide que se restrinxa o uso de auga na urbanización de Matalascañas
A lagoa de Santa Olalla, a permanente máis grande do Parque Nacional de Doñana, quedou sen auga pola intensa seca e a sobreexplotación do acuífero para consumo humano no complexo turístico de Matalascañas.
Segundo comunica a estación biolóxica da reserva da biosfera, quedou reducida a un pequeno charco no centro, a onde xa non acoden aves acuáticas. É a terceira vez que seca completamente, dende que hai rexistros, despois de 1983 e 1995.
Historicamente, as lagoas de Doñana ofrecen refuxio ás primeiras aves limícolas que migran cara ao sur tras criar no norte de Europa. Tamén constitúen o hábitat dun bo número de especies de flora e de fauna acuáticas.
Seca intensa
Segundo o director da estación biolóxica, Eloy Revilla, a intensa seca que azouta Europa está a facer estragos no espazo natural, un problema que, asegura, vén de lonxe.
"Doñana leva dez anos consecutivos con niveis de precipitación inferiores á media", comenta.
A lagoa de Santa Olalla era a única que mantiña agua permanentemente de todas as que se forman a sotavento do cordón de dunas que separa a marisma do océano Atlántico. A súa orixe está nas descargas de auga do acuífero de Doñana nesta zona.
Porén, a continua explotación do acuífero, para a agricultura intensiva e o consumo humano, fai que desaparezan as lagoas temporais e ameaza o futuro das permanentes.
Restricións
Ante a grave situación, Revilla pide que se aceleren as medidas para eliminar as captacións de auga subterránea de Matalascañas. Mentres tanto, reclama a imposición de medidas restritivas na urbanización, polo menos en anos coma este.
"Non pode ser que, mentres se segue a regar o céspede en Matalascañas, as lagoas de Doñana sequen completamente", conclúe.