Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Lei de transportes impide aproveitar os buses internacionais para ir ás cidades de norte de España

A Lei de transportes impide aproveitar os buses internacionais para ir ás cidades de norte de España

A normativa impide a cabotaxe e só poden subir ao autobús para baixar fóra de España

A medida complica as comunicacións no norte do país

G24.gal 20/06/2023 14:16

Os galegos que queren viaxar en autobús a Santander, Bilbao ou San Sebastián téñeno difícil. Hai que facer transbordo en Oviedo ou coller o último bus do día, que os deixa en destino en plena madrugada.

Todo porque a lei de transportes española impide aproveitar os autobuses internacionais que percorren todo o norte. Na estación intermodal de Urzaiz paran cada día tres autobuses procedentes de Portugal que conectan na súa ruta cara a París coas catro capitais do norte.

O problema é que a lei prohibe a chamada cabotaxe, que é que os viaxeiros aproveiten as liñas internacionais para subir ou baixar en destinos nacionais. Só os poden coller para baixar no estranxeiro, o que reduce e complica as posibilidades de viaxar ao norte de España.

Así, viaxar entre cidades españolas nun autobús con orixe no estranxeiro está prohibido por lei. Por iso, quen colla o bus procedente do Porto en Vigo só pode baixar en París malia que pare nas capitais do norte para coller pasaxeiros. 

Como di Miguel Ángel Uriondo, director de Comunicación de Flixbus: "España supón unha illa regulatoria en comparación co que sucede noutros países de Europa, e isto fai que os prezos sexan moito mais caros. Concretamente pagamos un 88 % máis que en Italia e Portugal, e un 40 % máis que en Francia, e un 30 % máis ca en Alemaña".

Algúns falan de monopolio das empresas de transporte por estrada de pasaxeiros, porque prexudican o peto e o tempo dos viaxeiros e deixan cidades illadas.

Os usuarios non están de acordo coa norma: "Dispoñen de poucos servizos de transportes, se aínda por enriba que pasa por alí un autobús e non ten esa parada, pois quedan moi illadas".

Outro quéixase: "Por ecoloxía, por todo, estannos a vender a moto de que hai que pasar ao eléctrico, que hai que eliminar coches, que sobran coches, pero non nos dan facilidades para movernos sen vehículo propio". 

Tamén é certo que, feita a lei, feita a trampa.

Como pensa esta viaxeira: "Se me canso, ou me pasa algo na viaxe, ou se me apetece baixarme noutro sitio, vexo lóxico que te cobren Vigo-París, pero teño a oportunidade de baixarme noutra parada".

A Comisión Nacional de Mercados e Competencia xa pediu a liberalización de todas as liñas de máis de cen quilómetros. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade