Aprobada a lei do litoral co voto a favor de PPdeG e a abstención da oposición
Aprobada a lei do litoral co voto a favor de PPdeG e a abstención da oposición
Os populares defenden que Galicia asume as competencias plenas para xestionar o litoral, algo que negan tanto nacionalistas como socialistas
O Goberno central alegou contra este texto por considerar que invade as súas competencias
O pleno do Parlamento aprobou este martes, cos votos do PPdeG e a abstención da oposición, a lei de ordenación e xestión integrada do litoral, que abre a porta a que Galicia poida asumir as competencias sobre o litoral en lugar do Goberno central, que alegou contra este texto por considerar que invade as súas competencias.
A conselleira de Medio Ambiente Ánxeles Vázquez asegurou que se trata dunha normativa "transcendental" porque "garante o futuro de Galicia" e, ademais, dá "seguridade xurídica" a unha xestión do litoral "integrada" que conxugará os aspectos ambientais, sociais e económicos.
O PPdeG, o partido maioritario no Parlamento, defendeu que se trata dunha lei "constitucional" e o que fai é desenvolver unha competencia recoñecida no Estatuto de Autonomía, mentres que a oposición advertiu de que a nova normativa, tal e como foi aprobada, non vai supoñer que Galicia poida exercer as competencias plenas na materia.
Pola contra, o deputado do PPdeG Alberto Pazos afirmou que Galicia "asume hoxe a plena competencia sobre o litoral", e o que a Xunta vai facer agora é reclamar os medios materiais ao Estado para podar exercela, a través dunha negociación na Comisión Mixta de Transferencias e a aprobación dun Real Decreto.
Unha reclamación que pensa facer desta maneira, para estar "en pé de igualdade" con outras comunidades, como Canarias, e deu por feito que a negociación será xa cun Goberno central do PP.
Tanto BNG como PSdeG abstivéronse na votación porque cren que é só un intento do PPdeG de "confrontar" co Goberno central cunha finalidade "electoralista".
A deputada do BNG Alexandra Fernández cualificouna de "oportunidade perdida" porque Galicia non poderá xestionar o seu litoral, sen ter antes a transferencia dos servizos e os medios, algo que os nacionalistas reclamaron hai unhas semanas cunha proposición de lei que foi rexeitada.
Ademais, a oposición criticou as "présas" da Xunta por aprobar esta normativa antes das eleccións xerais e a tramitación "exprés", que criticaron.
A nova lei permitirá, entre outras cuestións, regularizar edificacións e instalacións xa existentes na franxa costeira, uns 4.000 inmobles en total, entre eles máis 300 industrias, fronte á normativa do Goberno central máis restritiva, e a instalación de parques de eólica mariña.
Nunha tribuna de invitados chea, con representantes das confrarías, dos concellos e do sector mar-industria, entre eles a exconselleira do Mar Rosa Quintana, quedou aprobada a lei que a conselleira de Medio Ambiente considerou que fará unha "Galicia máis forte" e permitirá "consolidar o futuro" da costa galega.
En declaracións posteriores, denunciou a "parálise" do litoral galego e que as empresas deixaran hai tempo de investir en Galicia e íanse " á costa portuguesa", polo que era fundamental "parar a interpretación restritiva" do Ministerio de Transición Ecolóxica para as prórrogas e autorizacións.
E asegurou que ao Goberno central non queda agora máis remedio que transferir a Galicia os medios e servizos para a xestión e ordenación do litoral porque "non pode impedir" que a comunidade os teña e "a transferencia ten que chegar si ou si", confiou.
A lei, que consta de 75 artigos, incorporou case un 40 % das 85 emendas presentadas polo BNG, aínda que os nacionalistas lamentaron que son as "máis facilmente vulnerables"; mentres que o PSdeG non presentou ningunha, despois de modificar a súa posición inicial de apoiar a tramitación da normativa cando aínda era un anteproxecto.
En Galicia hai 2.500 quilómetros de costa repartidos en máis de 80 concellos, nos que vive a metade da poboación galega. Coa nova lei, a Xunta asume a xestión do dominio público marítimo-terrestre", tanto nos 500 metros da normativa de costa como mar dentro, ata as 12 millas náuticas.