A loita colosal do Obradoiro non atopa o premio do triunfo (98-103)
O poderoso Valencia Básket gañou un partido que se decidiu na prórroga
O Obradoiro realizou un partido colosal diante dun Valencia Básket que loce na Euroliga e quedou ás portas de acadar un triunfo de moito mérito (98-103). O partido tivo que decidirse no tempo de prórroga.
Os de Moncho Fernández tiveron unha boa entrada no partido. Bender e Guerrero dominaban a pintura (14-8) nun primeiro cuarto que acabaron equilibrando os visitantes grazas a Claver (27-27). Mantívose a igualdade e as alternativas ata que quedaban tres minutos para o descanso. Nese intre o Valencia deu un primeiro tirón para colleitar unha máxima vantaxe de sete tantos (41-48).
Un 0-6 de inicio no terceiro cuarto parecía rachar o partido (41-54) pero o Obradoiro non quería dar o seu brazo a torcer. Bender volveu a coller a iniciativa do ataque para manter o seu equipo no partido (59-66). Era un duelo de titáns con Dubljevic facendo moito dano e os Scrubb respostando. Valencia parecía ter a vitoria na man (77-84) a minuto e medio para o final. O Obradoiro tirou de garra para igualar cunha canastra a tres segundos do remate.
Houbo que resolvelo na prórroga na que as alternativas fixeron vibrar o público. Phil Scrubb puxo o 96-94. Deseguido anotaron Aróstegui e unha tripla de Van Rossom (96-99) e Bender volveu apertar o marcador (98-99). Unha antideportiva a cinco segundos do final acabou por tombar a resistencia santiaguesa.