A mellor cafetería de España está en Santiago
A mellor cafetería de España está en Santiago
Acaba de facerse co título de mellor cafetería de España nos premios BCN Coffe Awards
Os que entren en Shot Me Coffee, na rúa dos Concheiros, en Compostela, non esperen nin barra nin un café ao uso. É unha tenda de café de especialidade que acaba de facerse co título de Mellor Cafetaría de España.
O seu dono, Jacobo Abeijón Lojo, di que "a súa filosofía é o café de especialidade, que traballan coas colleitas máis frescas e recentes e só cun café que xa en orixe é de moita calidade". Tamén conta que tostan eles o café "dunha forma máis lixeira que un café comercial o que fai que se preserven eses sabores de froita e despois cunha estupenda maquinaria sácalle o mellor perfil que lle poida sacar".
Asegura que o premio lle sorprendeu moito porque "competir con sitios de café a nivel de Barcelona ou Madrid supón un esforzo porque eles levan máis tempo no café de especialidade e para nós é unha sorpresa que alguén de Santiago o conseguise".
O seu local é un dos primeiros sitios de café de especialidade en Galicia e di Abeijón que "o que quería era un espazo aberto onde poder comunicar o tipo de produto que traballamos, por que o traballamos e ademais non estamos escondidos detrás de ningunha barra polo tanto é totalmente transparente o que facemos".
Teñen café de Colombia, de Brasil, de Costa Rica, de Etiopía, Guatemala ou de Uganda. Trátase, en palabras do cafeteiro, de "alta gastronomía para un café feito con moito amor, moito cariño e que son por si mesmos de moita calidade".