A coñecida como banda do Seat León asalta en poucas horas dous negocios en Coristanco e Carballo
A coñecida como banda do Seat León asalta en poucas horas dous negocios en Coristanco e Carballo
Os roubos atribúenselle á banda do Seat León polo xeito de proceder
Están relacionados con máis de trinta asaltos e a banda está integrada por oito persoas
Sempre empregan o mesmo modelo de coche porque teñen medios electrónicos para descodificar a pechadura
Con máis de 30 roubos ás costas, a coñecida como banda do Seat León asaltou dous negocios na últimas horas en Carballo e Coristanco. Protagonizaron unha accidentada persecución policía e fuxiron a pé deixando o botín atrás.
En Coristanco esnaquizaron o enreixado e mailas portas de metal dun estanco batendo co coche repetidas veces contra a entrada. Foi cuestión de minutos porque os veciños saíron rapidamente a ver o que acontecía. É o segundo roubo que sofren dende que abriron hai tres anos.
"Os veciños foron os que alertaron e botaron pouco tempo, uns catro minutos. Tres persoas enmascaradas, e derramaron todo, portas de entrada, mostradores, mercadoría no interior, que iso daba pena velo do xeito que quedou. Falaron cos veciños, que ata lles dixeron que facedes aí, e un dicía estamos de paseo" asegura Ramón Barca, dono do estanco.
Despois de ser descubertos marcharon cara a Carballo ao centro comercial Bergantiños, onde rebentaron cunha marra o cristal que está acarón do aparcadoiro. Un deles entrou e forzou a máquina comecartos e levou o que tiña no seu interior. Os servizos de seguridade do centro avisaron a policía, que perseguiu os ladróns polas rúas da vila ata que pararon e deixaron o coche coas portas abertas e todo o roubado no interior e fuxiron a pé.
Roubaran o coche na Coruña. A Garda Civil cre que a banda está composta por unhas oito persoas. Empregan o mesmo modelo, o Seat León, porque teñen os medios electrónicos necesarios para descodificar a pechadura. Debido a este xeito de proceder están vinculados con máis de trinta roubos.