A metade dos accidentes de moto prodúcese nas fins de semana
A metade dos accidentes de moto prodúcese nas fins de semana
Máis da metade dos accidentes mortais débense a saídas de vía provocadas polo exceso de velocidade
Manuel leva pouco tempo co carné de moto. Por iso decidiu apuntarse a este curso de condución segura.
“Porque son bastante novato en andar na moto e necesito aprender, porque a moto é unha máquina bonita pero perigosa, e hai que estar preparado, explica Manuel.
É xente que leva moitos anos sen conducir un vehículo de dúas rodas, co hándicap que teñen os 50 anos, que non nos damos de conta pero xa non tes 20, os reflexos e as condicións xa non son as mesmas, e iso provoca moita máis inestabilidade, asegura o monitor Gustavo Cela.
Para os principiantes como Manuel, os expertos dan dúas recomendacións básicas.
“Mirar moitísimo polos espellos retrovisores e ter empatía cos demais condutores”.
Da teoría á práctica. Neste curso no circuíto de Outeiro de Rei o obxectivo é que aprendan a reaccionar ante situacións de risco.
“Sempre aprendes algo e a seguridade nunha moto é fundamental”, asegura un alumno.
“Moitos dos accidentes débense a que non se sufrira unha situación de estrés antes, coma nun curso coma este, e que a primeira vez que che pase sexa nun contorno urbano. Ao final acabas normalmente no chan, explica Gustavo Cela.
A metade dos accidentes mortais en moto prodúcense nas fins de semana, e a causa principal ten que ver co acelerador.
“A fin de semana é cando máis saímos e ás veces buscas as curvas e por iso hai saídas de vía, pero penso que estamos máis mentalizados que hai anos, que hai que correr menos, usar máis a cabeza e menos a man”, explica un alumno.
“A primeira causa dos accidentes mortais de motocicleta ten que ver coa velocidade inadecuada e a segunda co consumo de alcol, cando no resto dos vehículos a primeira causa son as distraccións", asegura Manuel Souto, director técnico do curso.
A idea que queren recalcar é que os accidentes son evitables e que conducir con máis seguridade non implica gozar menos da moto.