A muller que apareceu morta no Carballiño pediu axuda dúas veces porque dicía que a querían matar
Entrou en dous bares a pedir socorro pero non quería que avisasen a Policía
A Garda Civil levouna logo ao PAC e ao saír do centro médico perdéuselle o rastro
Mila Marchetti entrou neste bar do Carballiño o sábado ás dúas da tarde. Dicía que querían matala e pedía axuda.
O dono do local Cristóbal Fernández di que lle propuxeron chamar á Policía, pero ela non quería. A muller fuxira en pixama e estaba moi alterada.
Saíu do bar e entrou no da estación de autobuses, que está xusto enfronte. Alí insistiu en pedir axuda pero volvéronlle dicir que chamara a policía.
Pouco despois, a Garda Civil atopouna camiñando pola autovía e levárona ao PAC da vila. Ao saír do centro médico, perdéronlle o rastro.
Horas despois, o seu cadáver estaba nun contedor do lixo do centro do Carballiño. Atopárona os traballadores do punto limpo cando baleiraban o camión da recollida ao final do día.
Nin as persoas ás que pediu socorro nin os médicos que a atenderon nin a Garda Civil foron quen de axudar a Mila Marchetti. As súas últimas horas de vida seguen sendo un misterio.