A nai de Desirée volve sentar no banco dos acusados polo asasinato da súa filla
A nai de Desirée volve sentar no banco dos acusados polo asasinato da súa filla
O TSXG ordenou repetir o xuízo ao considerar que o xurado popular non razoara a sentenza suficientemente
A Audiencia Provincial de Lugo condenara a Ana Sandamil a prisión permanente revisable
Será a segunda vez que Ana Sandamil sente no banco dos acusados polo asasinato da súa filla, Desirée Leal, en maio de 2019.
Hai pouco máis dun ano fora condenada pola Audiencia Provincial de Lugo a prisión permanente revisable, pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou a sentenza e ordenou repetir o xuízo.
Segundo argumentou o alto tribunal, o xurado popular non razoara suficientemente porque considerou que Ana Sandamil tiña unha afectación mental leve, e non grave, no momento de cometer os feitos, unha consideración que resultou clave para que fora condenada á pena máxima.
A vista oral volve repetirse a partir deste luns e ata o vindeiro venres na Audiencia Provincial de Lugo. Tanto a Fiscalía, coma a acusación particular e a popular piden de novo para a acusada a pena de prisión permanente revisable.
Morte por asfixia
Desirée non chegou a cumprir os oito anos. O 3 de maio de 2019 apareceu morta na cama, na casa onde vivía coa súa nai e a avoa materna en Muimenta, no concello lugués de Cospeito.
Foi a avoa a que a atopou e chamou o servizo de emerxencias, pero o persoal sanitario só puido certificar o falecemento da nena.
Segundo os forenses encargados da autopsia, a pequena tiña lesións na boca e no pescozo e morreu por asfixia e estrangulamento.
A nai, Ana Sandamil, converteuse na sospeitosa principal. A xuíza interrogouna no hospital en que ingresou o día da morte de Desirée e decretou prisión provisional á espera de xuízo.
Case tres anos despois do falecemento de Desirée, en febreiro de 2022, un xurado popular, por unanimidade, considerouna culpable do delito de asasinato con aleivosía.
A Audiencia Provincial de Lugo condenouna a prisión permanente revisable como pediran a Fiscalía e as acusacións particular e popular.
A defensa de Ana Sandamil recorreu ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que, o mes de novembro pasado, declarou nula a sentenza. Tamén ordenou repetir o xuízo con outro tribunal distinto.