A nai do mozo da Illa de Arousa que falta desde agosto denuncia a súa desaparición
A policía investiga se o rapaz participaba no transporte dun alixo de cocaína no Atlántico
A muller asegura que non recibiu cartos a cambio do seu silencio
A investigación céntrase na súa contorna máis próxima
A nai do mozo da Illa de Arousa que falta desde o mes de agosto tras, supostamente, participar nun transporte de droga no Atlántico denunciou hoxe a súa desaparición na comisaría.
A denuncia implica que a investigación queda xudicializada, pero o certo é que a policía e a Garda Civil xa traballaban no tema desde hai varias semanas.
A hipótese principal que se manexa é que o mozo, de 27 anos, caeu ao mar e foi abandonado na auga para non botar a perder o transporte do alixo. Pero non se descarta que fose vítima dun axuste de contas.
Despois de máis de dous meses desde os primeiros rumores sobre a desaparición de Ismael, o mozo de 27 anos e veciño da Illa ao que se lle perdeu a pista en mar aberto, a onde presuntamente acudira a recoller un gran cargamento de cocaína, a súa desaparición xa é oficial.
A nai de Ismael presentouse na comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía para denunciar a súa ausencia e xa está en man do xulgado número 3 deste concello. Ao parecer a proxenitora non achegou moitos datos.
Tan só describiu as súas características físicas e manifestou a sospeita de que estaba a participar nunha operación de narcotráfico. Asegurou tamén que non recibira cartos a cambio do seu silencio e recoñeceu ter medo a posibles represalias.
Agora a investigación céntrase no seu contorno máis próximo e en despexar a incógnita de se a desaparición de Ismael foi a causa dunha caída ao mar e o abandono dos seus compañeiros para preservar o alixo, ou ben responde a un axuste de contas.
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, afirmou que prefire gardar o "silencio oportuno" ata que as forzas de seguridade conten con información en profundidade.