Cortada a circulación para camións na LU-633 entre Pedrafita e o Alto do Poio pola neve
Cortada a circulación para camións na LU-633 entre Pedrafita e o Alto do Poio pola neve
Mantense o nivel amarelo entre os municipios das Nogais e Pedrafita do Cebreiro
Problemas por mor da neve nas estradas secundarias da Fonsagrada, Navia de Suarna ou Cervantes
A estación de esquí de Manzaneda prevé abrir as pistas mañá venres
A neve volveu a facer acto de presenza este xoves en cotas altas da provincia de Lugo e provocou problemas para circular esta mañá na Autovía do Noroeste (A-6), que se mantén con nivel amarelo, con restricións ao tránsito de vehículos pesados, entre os municipios das Nogais e Pedrafita do Cebreiro ata pasado o mediodía.
Segundo a información facilitada polo Subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo, ao mediodía as patrullas víronse obrigadas a “embolsar” camións entre os quilómetros 431 e 438 da autovía, debido a que a neve impedía a súa circulación pola A-6.
Tamén hai problemas e mantense o nivel amarelo na estrada autonómica LU-633, entre os quilómetros 0 e 19, ao seu paso polo Alto do Poio, en Pedrafita do Cebreiro. Tampouco poden circular vehículos pesados por ese tramo.
Ademais, nevou con forza en cotas altas do municipio da Fonsagrada, o que provocou que varias estradas secundarias quedasen afectadas. Tamén houbo chamadas aos servizos de emerxencias por algúns coches atrapados por mor da neve en estradas secundarias de Cervantes e Navia de Suarna, nos Ancares.
Descende a cota de neve
A primeira hora da mañá a cota de neve estaba nos 900 metros, pero as previsións xa apuntaban que iría descendendo a medida que avanzase do día. Estanse cumprindo, de momento parece manterse arredor dos 800 metros, pero cara ao sábado as previsións din que estará a neve arredor dos 600 metros.
Os veciños das zonas altas de montaña xa están habituados á neve nestas datas do ano.
A estación de esquí prevé abrir as pistas este venres
As baixas temperaturas rexistradas ao longo da última semana, por baixo dos -3 graos centígrados, posibilitarán finalmente a apertura da Estación de Manzaneda a pesar da falta de neve grazas aos canóns de innivación, que permitirán a apertura de «algunhas» das pistas.
Confirmárono desde a propia estación. Aclararon que "a pesar de que non nevou desde o mércores pasado, os valores por baixo dos -3 graos durante días consecutivos permitiron o seu funcionamento a pleno rendemento e a preparación de varias pistas".
A estación prevé abrir este venres tres pistas para a práctica do esquí (Seixo, Fontefría e Antena), mentres os canóns e os equipos seguen traballando "para poder contar con algunha máis" á vez que "se reforzaron" os servizos de restauración así como de aloxamento.
Precisamente, este xoves Cabeza de Manzaneda rexistrou ao redor das 3:50 horas a mínima de Galicia tras alcanzar os -5,5 graos centígrados, unhas mínimas que se poderían repetir durante os próximos días, onde se prevén valores baixo cero.
Tamén Verín rexistrou -3 graos, -2 en Xinzo de Limia, e Baltar situouse en valores negativos. De feito esta fin de semana, este último municipio podería situarse ao redor dos -5 e -6 graos baixo cero