A neve volveu caer nas montañas de Lugo e Ourense
A neve volveu caer nas montañas de Lugo e Ourense
As nevaradas producíronse por riba dos 1.200 metros
A situación non provocou atrancos na rede viaria
De pouco máis dun centímetro era a capa de neve que se podía ver esta mañá na estación de Cabeza de Manzaneda. A espesa néboa, o forte vento norte e as temperaturas na contorna dos cero graos debuxaron unha paisaxe invernal que levaba semanas sen verse por aquí, pero a nevarada tan só acompañou nas primeiras horas do día. A neve caeu tan só moi por riba dos 1.200 metros de altitude.
No alto de Cebreiro, na provincia de Lugo, as folerpas apareceron á media mañá, pero non fixo frío abondo como para que callara nun chan que, ademais, xa estaba mollado pola chuvia. Así, non houbo ningún tipo de atranco causado pola nevarada na rede viaria da montaña. Iso si, algúns turistas aproveitaron para ver a neve por vez primeira.
As previsións apuntan a que para a vindeira semana podería nevar con intensidade na montaña.