A nova FP implantarase en Galicia nos dous próximos cursos de xeito flexible
A nova FP implantarase en Galicia nos dous próximos cursos de xeito flexible
Pasa a ser dual na súa totalidade e introducirá novos módulos para a empregabilidade
O curso que vén comezará a implantarse a nova Formación Profesional en Galicia derivada da nova lexislación estatal e a Xunta traballa na adaptación do sistema á nova lei.
Como novidade, pasará a ser dual na súa totalidade. Incrementará as horas de formación nas empresas para todos os ciclos, xa desde o primeiro curso, e introducirá novos módulos para a empregabilidade.
En Galicia a nova Formación Profesional implementarase nos dous próximos cursos, de xeito gradual e flexible. Desde Educación din que copia moitos dos avances da FP Galega nos últimos anos.
Eugenia Pérez, directora xeral de FP di que "ao final é o mesmo dividido doutro xeito, por dicilo así. Os cambios para nós non son tan significativos. Polo tanto o que imos facer é esta implantación ordenada, flexible".
Así se recolle na orde que adapta a lei a Galicia. Aquí, por exemplo, dobrará o inglés establecido polo ministerio e permitirá ao alumnado ata 700 horas de formación en empresas. A Xunta lamenta os atrasos do Ministerio de Educación no desenvolvemento da lei.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez lamenta que "o ministerio aínda ten que publicar, a falta de cinco meses, a modificación do Real Decreto de Ordenación da FP. É dicir, como se organiza interiormente e como se aplican os principios da nova lei. E ante este incumprimento do ministerio decidimos adiantarnos para elaborar unha orde para regular a nova ordenación da FP"
O obxectivo é blindar o modelo actual, cunha inserción laboral de practicamente o 100 % no caso da Formación Dual, que a partir de agora pasará a chamarse Intensiva.