A ómicron silenciosa propágase rápido por Europa e en España hai 200 casos
A ómicron silenciosa propágase rápido por Europa e en España hai 200 casos
Estímase que é máis contaxiosa ca a ómicron orixinal, pero non máis perigosa
A eficacia das vacinas actuais está en cuestión con esta nova mutación
A ómicron silenciosa, tamén coñecida noutros países como sixilosa ou furtiva, implica unha serie de cambios xenéticos con respecto á ómicron orixinal. Comparándoas, as primeiras análises indican que esta nova subvariante é mais contaxiosa, pero non máis letal ou virulenta.
"Sobre todo, imos ver como se comportan as persoas vacinadas con esta nova variante, porque a ómicron escapaba xa nun tanto por cento ás vacinas. Hai que ter en conta que é unha vacina, para entendérmonos, vella", indica Eduardo Martínez, catedrático universitario de Microbioloxía e experto en pandemias.
Aínda que en España só hai uns 200 casos, en países como Dinamarca supón xa un 45 % dos contaxios. Foi detectada inicialmente na India, despois na China e a partir de aí comezou unha longa viaxe internacional. E o que parece evidente é que con cada nova subvariante as vacinas actuais van perdendo eficacia.
"Nós estamos vacinándonos cos antíxenos da cepa de Wuhan, que xa non existe. Ben, existirá, pero non se propaga en ningún sitio. Que quere dicir isto? Que nós non nos vacinamos coa vacina da gripe de hai tres anos", matiza Eduardo Martínez.
Este virólogo confía nas potencialidades das novas vacinas, que están xa nunha fase evolutiva moi avanzada. Iso si, a ómicron silenciosa non preocupa especialmente á comunidade científica pola inmunización xa existente:
"Esta última cepa contaxiou tanta xente que se produciu un gran proceso de inmunización xeneralizada, mesmo máis eficaz cá vacina".
Por certo, os casos desta nova subvariante localizados en España corresponden a Madrid, Cataluña, Asturias, Baleares e Galicia.