A ONU confía a España por segunda vez o mando da misión de paz no Líbano
A ONU confía a España por segunda vez o mando da misión de paz no Líbano
O Secretario Xeral da ONU nomea ao xeneral español Aroldo Lázaro Sánchez como novo Xefe de Misión e comandante de UNIFIL
España estará á fronte de máis de 10.000 cascos azuis e 800 civís procedentes de 46 países
As Nacións Unidas anunciaron o nomeamento do xeneral español Aroldo López Sánchez como Xefe do Mando da Forza e da Xefatura da Misión da Forza Interina de Nacións Unidas no Líbano (UNIFIL). Asume así España por segunda vez o mando da súa misión de paz "nun momento delicado para a estabilidade e o futuro" no país de Oriente, conforme apunta o Ministerio de Defensa español.
O Secretario Xeral da ONU elixiu ao xeneral de División do Exército de Terra como novo Xefe de Misión e Comandante de UNIFIL tras un longo e esixente proceso de selección, coa comunicación formal previa ao Consello de Seguridade. O militar español substitúe na responsabilidade ao xeneral italiano Stefano del Col. Está previsto que tome posesión do seu cargo a finais de febreiro.
Será a segunda vez que España lidere esta misión na que participan máis de 10.000 cascos azuis e 800 civís procedentes de 46 países.
O Goberno destaca o recoñecemento por parte de Nacións Unidas pola "dura e especial contribución española á Misión" durante a que faleceron quince militares españois.
As Forzas Armadas españolas están presentes en Líbano de xeito ininterrompido desde setembro de 2006 cando a ONU lle solicitou a España, Francia e Italia un continxente militar que permitise renovar o mandato, obxectivos e estrutura de UNIFIL.
Desde o comezo da misión España responsabilizouse do sector Este, que integra países tan diversos como O Salvador, Serbia ou Brasil.
Militar e mediador
A designación do xeneral Lázaro reflicte a confianza da ONU nas Forzas Armadas Españolas. Defensa asegura que o militar español é un grande coñecedor do Líbano e da misión, onde permaneceu despregado en tres ocasións, e foi Xeneral Xefe do Sector Este.
Conta con experiencia en unidades operativas e con destinos en distintas misións internacionais como no Cuartel xeneral da Euroforza Operativa en Florencia ou na Operación de mantemento da paz en Bosnia e Hercegovina.
A do Líbano é a única misión de paz de Nacións Unidas cun compoñente marítimo. Trátase dunha operación cun alto nivel de actividade na súa área de operacións, cunhas 13.500 actuacións ao mes, día e noite.