Publicador de contidos
Publicador de contidos

A partir de 2023 o desconto nos combustibles será só para os sectores profesionais

A partir de 2023 o desconto nos combustibles será só para os sectores profesionais

O 1 de xaneiro só se poderán beneficiar determinados sectores: falamos do transporte profesional por estrada, da agricultura, a gandería e a pesca

G24.gal 27/12/2022 20:59 Última actualización 27/12/2022 21:31

Remata o desconto universal nos combustibles que en menos dunha semana será tan só para os sectores profesionais. A bonificación de 20 céntimos por litro que comezou hai xa oito meses será a partir do 1 de xaneiro tan só para determinados sectores: falamos do transporte profesional por estrada, da agricultura, a gandería e a pesca.

Tamén as navieiras se seguirán beneficiando destes descontos, que se abonarán nalgúns casos a final de mes, e noutros mediante axudas directas. A outra cara da moeda, a dos condutores que xa non se poderán beneficiar destas axudas a partir do 1 de xaneiro.

O do transporte será un dos sectores que poderá seguir beneficiándose destas bonificacións a partir do 1 de xaneiro.

"Esperabámola porque dada a incerteza que hai cos prezos do gasóleo, e tendo en conta que para o noso sector é o custo máis alto das nosas empresas, que mesmo supera o 55 por cento en moitos casos, pois é evidente que o goberno ten que garantir certa estabilidade", apunta Miriam Otero, secretaria xeral de Apetamcor.

Os agricultores terán unha axuda directa de ata 20 céntimos por litro. Ademais tamén se lle vai compensar a suba de prezos nos fertilizantes.

"Para un agricultor que pode gastar 25.000 ou 30.000 litros de gasóleo o ano pois é un aforro considerable. Eses 20 céntimos son unha axuda importante para calquera agricultor", explica Amador Díaz, presidente da Asociación da Pataca da Limia. 

Hai tamén axudas directas para os pescadores e as navieiras. Ao outro lado quedan aqueles que non pertencen a ningún destes sectores. Para todos eles remata a bonificación esta fin de semana

"Pensei que xa era hoxe e vin todo apurado, é que hai moita diferenza, por aí un quince por cento".

"Botas trinta litros e son seis euros, hai que saberse medir e punto".

"Eu penso que tiñan que regulalo un pouco máis, non é só valorar o sector que gasta gasóleo, que os demais tamén temos os nosos problemas para chegar a fin de mes".

Malia que nestes meses baixou o prezo dos combustibles encher o depósito segue a ser aínda máis caro que hai un ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade