A partir do luns volve o inverno
A partir do luns volve o inverno
Semana Santa pasada por auga fría
A caída térmica vai ser tan acusada que se espera a volta da neve a cotas baixas
"A primavera entrou o 20, pero parece que para a Semana Santa volve o inverno", sentencia Joel Cid, meteorólogo de Meteogalicia.
Este é o titular que case ninguén quería escoitar. Nunca tan certo foi iso de que unha imaxe vale máis que mil palabras. Tanto o mapa de hoxe como o de mañá e coma o do domingo reflicten unha situación anticiclónica que nada ten que ver co que vai vir xa durante o luns.
"Van vir as baixas presións dende o noroeste e, polo tanto, as temperaturas acusarán un descenso moi pronunciado. Podémolo comprobar aquí nas anomalías, que temos xa valores azuis", continua.
Un azul intenso que significa que chegan choivas e moito frío, así que adeus ao anticiclón.
"Vaise retirar cara ao oeste e, polo tanto, vai deixar un corredor libre ás baixas presións que van vir do noroeste e van traer moito aire frío á Península Ibérica, a Galicia, e isto o que fará é que a partir do luns teñamos precipitacións, e despois das precipitacións fará que teñamos moito aire frío", informan dende Meteogalicia.
Pode incluso haber neve en cotas relativamente baixas. Adeus aos plans para ir á praia.