A patronal e os sindicatos do metal de Lugo acadan un principio de acordo
A patronal e os sindicatos do metal de Lugo acadan un principio de acordo
Os traballadores decidirán este venres en asemblea se aceptan a proposta de acordo
Patronal e sindicatos alcanzaron este xoves un principio de acordo que permitiría a desconvocatoria da xornada de folga no sector do metal na provincia de Lugo prevista para este venres.
Foi durante a reunión que mantiveron hoxe representantes da parte social e da mesa de negociación nomeada pola patronal para tratar de desenquistar un conflito laboral que xa provocara varias xornadas de folga no sector, a última este mércores -día 31 de maio-.
Á espera de coñecer os detalles da negociación, o portavoz de Industria da CIG en Lugo, Alfonso Losada, confirmou a EFE, nada máis terminar a reunión, que existe “unha proposta de acordo”.
Recoñeceu que non cumpre “ao cen por cento” as demandas expostas polos sindicatos, pero si “unha ampla maioría” desas reivindicacións, polo que pode valer “para desbloquear” a actual situación de conflito.
“Hai unha proposta de acordo, que será mañá trasladada á asemblea. Non se cumpren ao 100 % as esixencias, pero si na súa maior medida”, aclarou.
“Convocamos os traballadores para mañá ás sete e media para formar o piquete”, dixo Alfonso Losada, pero tras someter a proposta á súa consideración, “se hai acordo, a folga quedará automaticamente desconvocada”.
“Houbo avances importantes, valorámolos positivamente. Practicamente, a proposta cumpre con todo o que había encima da mesa”, concluíu.