Publicador de contidos
Publicador de contidos

Basilio Otero: "Estamos valorando accións en común cos agricultores"

Basilio Otero: "Estamos valorando accións en común cos agricultores"

O presidente da Federación Nacional de Confrarías descarta, de momento, un paro e avoga por consensuar un decálogo común de reivindicacións co sector agrario

Otero critica a "burocracia medioambientalista" que esixe Europa e a falta de medidas que fomenten a "remuda xeracional"

G24.gal 13/02/2024 10:32

O sector da pesca ultima un decálogo de reivindicacións para unirse ás demandas dos agricultores, aínda que "de momento, descartan un paro", como o que protagonizan as principais organizacións agrícolas Asaja, COAG e UPA. Así o sinalou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, o presidente da Federación Nacional de Confrarías, Basilio Otero.

O principal responsable das confrarías españolas afirma que "somos plenamente conscientes dos problemas dos agricultores, sobre todo, os que temos en común e nós estamos con eles. O que estamos valorando é que tipo de accións imos facer en común cos agricultores. Iso foi o que se decidiu onte pola tarde na Federación Nacional de Confrarías e nas asociacións Apromar e Fedepesca".

Basilio Otero acusa a Comisión Europea de estar "machacando [a pesca] con esta burocratización tan medioambientalista. Temos previstas reunións con estas outras tres organizacións (Cepesca, Apromar e Fedepesca) esta semana. Hoxe a última que se reúne é Cepesca, as outras xa nos reunimos. Imos poñer sobre a mesa cales son esas peticións en común e logo levalas á agricultura para consensuar con elas as peticións comúns e logo nós, como Federación Nacional, manter outra reunión o día 19 e a partir de aí decidiremos que rumbo tomamos".

Sobre a posibilidade de ir ao paro no sector da pesca, o presidente da Federación Nacional de Confrarías afirma que "de momento, está descartado porque temos que facer outras cousas antes de chegar ao paro. Non podemos que empezar a casa polo tellado, senón polos cimentos".

Explica que "hai dúas cuestións que nos unen" aos sectores da pesca e agro. Por un lado, destaca a falta de medidas por parte de Europa para fomentar a "remuda xeracional". Por outro lado, fala da "falta de lealdade de Europa co sector primario cando importa produtos de terceiros países sen as medidas medioambientais, sociais e económicas que nos esixe aos europeos".

"Para nós iso é un punto de inflexión, as chamadas 'cláusulas espello', polas que se importa os produtos, que son cousas polas que non deberiamos pasar. Non podes esixir unhas condicións para os teus traballadores e outras distintas para o que importas de fóra. Entendemos que sanitariamente non hai ningún tipo de problema, que aí as condicións son as mesmas, pero non son as mesmas cando falamos do medioambiental, do económico ou do social".

Neste senso, di que "hai que aproveitar estes meses antes das eleccións europeas para pedir varios cambios". Engre eles, considera que "non podemos ter un comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca. O que entendemos que debería de ser é dispoñer dun gran comisionado de Agricultura e Pesca onde estea englobado todo o sector primario e non haxa lobbys potentísimos como son nos medioambientais que un pouco guíen a política pesqueira europea e que está demostrado que é un desastre para os pescadores europeos".

Basilio Otero tamén valorou as queixas das confrarías de Pontevedra, que emitiron nas últimas horas un comunicado en que critican as restricións do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para a pesca de abadexo e de raia. O presidente da Federación Nacional de Confrarías censura que se "puxo unha cota irrisoria por barco ao día de cinco quilos de abadexo para artes menores e de dez quilos para palangre de fondo. Iso non nos chega a nada".

Indica que "estamos traballando coa Secretaría Xeral de Pesca para cambiar eses topes e que sexan polo menos semanais para que teñamos máis flexibilidade e non estar tan enconsertados. É un problema que temos desde principios de ano e é un reflexo deste medioambientalismo barato que está utilizando Europa".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade