Publicador de contidos
Publicador de contidos

A planta de Alcoa en San Cibrao quedará totalmente inactiva o 21 de xaneiro

A planta de Alcoa en San Cibrao quedará totalmente inactiva o 21 de xaneiro

O proceso de parada das máis de 400 cubas de aluminio comezou o 1 de xaneiro

Nos próximos dous anos non se producirá aluminio primario en España

G24.gal 03/01/2022 09:48

Conta atrás para o período de inactividade na factoría de Alcoa en San Cibrao, onde o pasado sábado, 1 de xaneiro, ás 14:00 horas, comezou o proceso de parada das cubas. Así, segundo informou o comité de empresa, o vindeiro 21 de xaneiro poderían quedar inactivas todas as fases.

Esta parada chega despois do acordo ao que chegaron os representantes dos traballadores coa dirección da multinacional e as administracións central e autonómica para reiniciar a actividade na planta de aluminio primario dentro de dous anos.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, explicou que a parada das cubas realizarase “aos poucos”, coa idea de que todas as fases queden inactivas en torno ao día 21 de xaneiro.

“Aos poucos imos apagando as cubas, de modo que se está producindo o último aluminio primario que se producirá en España nos dous próximos anos”, lembrou o presidente do comité de empresa, quen tamén aclarou que os traballadores están á espera de que proximamente quede constituído o fondo que permitirá realizar os investimentos necesarios na fábrica, por importe de 103 millóns de euros.

José Antonio Zan precisou que, actualmente, estaban activas “unhas catrocentas cubas, dado que outras 46 xa estaban paradas”.

Tamén informou de que as cubas que están a ser paradas quedan “en perfectas condicións” para o reinicio da actividade na fábrica de aluminio primario, previsto para dentro de dous anos, salvo no caso daquelas que están máis deterioradas, que pasarán por un proceso de “rebrascaxe” para facer que estean de novo listas para producir.

En canto ás decenas de miles de toneladas de aluminio almacenadas no complexo industrial de San Cibrao, como consecuencia da folga indefinida que quedou suspendida grazas ao acordo, confirmou que, polo menos de momento, a empresa aínda non empezou a movelas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade