Publicador de contidos
Publicador de contidos

A policía prende un paciente do HULA por agredir o médico que o atendía

A policía prende un paciente do HULA por agredir o médico que o atendía

Impútanlle un delito de atentado ao detido, que tamén provocou estragos na consulta

Félix Aragunde 20/07/2023 13:23

Así quedou a consulta do hospital Lucus Augusti de Lugo, onde presuntamente un paciente agrediu un traumatólogo. Ao parecer, o suposto agresor propinoulle varias puñadas ao médico na cara e no corpo.

Ademais, provocou danos materiais na sala, onde estragou un monitor e mais un teclado e arrincou unha folla da ventá, que rompeu contra unha padiola e contra unha mesa. Como resultado, el mesmo tamén acabou ferido, ademais de detido. 

María Gorgoso, CSIF Sanidade: "Foi moi agresivo e traumático, e pasouse moitísimo medo. A cousa foi moi complicada, con iso de que arrinquen unha ventá, rompan os cristais e lle peguen varias puñadas ao médico". 

Manuel Arias, voceiro da comisaría de Lugo: "Cando chega alí a patrulla, encóntranse con que esta persoa está sendo atendida polas feridas producidas na agresión e cos estragos do mobiliario nesa consulta. Custodiárona e detivérona, á espera de rematar as curas".

Debido ás lesións sufridas, a vítima tivo que ser atendida polos seus compañeiros do servizo de Traumatoloxía. De feito, nos doce anos que leva en funcionamento o HULA, esta foi unha das agresións máis graves que se rexistraron, o cal non deixa de preocupar os sanitarios.

María Gorgoso, CSIF Sanidade: "A preocupación é moitísima, porque isto está sucedendo cada día máis. Cada día a crispación é maior, e as listas de espera son as que son, con prazos que non son curtos. O paciente sempre vén moi nervioso, e págao o primeiro que encontran".

Ao presunto agresor, que xa pasou a disposición da Xustiza, impútanlle agora un delito de atentado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade