A policía busca catro mozos por esnaquizar unha réplica do avión de Loriga en Lalín
A policía busca catro mozos por esnaquizar unha réplica do avión de Loriga en Lalín
A réplica do avión era parte das Aldeas de Nadal, unha atracción para que os máis pequenos fixesen fotos
Sorpresa e enfado en Lalín por un acto vandálico que deixou os nenos e nenas da vila sen un dos seus elementos favoritos da decoración de Nadal: a réplica do célebre avión de Loriga acabou no río feita anacos. A policía anda á busca de catro menores que, sospeita, foron os responsables.
A policía busca catro adolescentes por guindar ao río do paseo do Pontiñas a réplica da aeronave, á que xa lle romperan a hélice a véspera.
Formaba parte das Aldeas do Nadal, e era unha versión a escala para que os nenos se secaran fotos nel, en homenaxe ao heroe local, e primeiro aviador galego. Ao parecer hai varias testemuñas presenciais que poderían identificar os autores.
Na veciñanza lamentan que os obxectos de lecer para o Nadal tamén sexan o obxectivo das ganas de facer mal por diversión.
Unha veciña asegura que é unha pena porque era unha atracción para os nenos pequenos que lles gustaba moito, divertíanse igual que as Aldeas de Nadal, e non lle parece ben. Afirma que é un acto vandálico sen sentido.
O avión foi esnaquizado a conciencia. Todas as pezas acabaron rotas, agás o corpo central, que presentaba tamén algúns danos. Un grao de desfeita que fai que probablemente non se poida reparar e sexa necesario facer un novo.
Este acto de vandalismo deixa aos nenos e nenas, que estes días gozaron subíndose ao avión imitando a Loriga e sacándose fotos, sen unha das súas pezas favoritas.