Publicador de contidos
Publicador de contidos

A policía detén un home en Santiago tras roubar nun supermercado e tomar un refén

A policía detén un home en Santiago tras roubar nun supermercado e tomar un refén

O suposto autor do atraco ameazou a unha empregada cunha navalla e levou os cartos da caixa

A policía perseguiuno pola rúa e o home tomou un refén

Os axentes desarmárono, detivérono e está pendende de pasar a disposición xudicial

G24.gal 27/06/2023 13:26

Os clientes do supermercado aínda están impresionados co suceso. Igual que as empregadas, que intentan repoñerse do susto.

"Estaban as miñas compañeiras aquí, na caixa, e entrou o rapaz este, sacou unha navalla, púxolla no pescozo e levou o diñeiro da caixa", di unha empregada do supermercado.


Os veciños dunha vivenda próxima foron testemuñas de todo que estaba a ocorrer.

"Estaba abrindo a ventá e vin as rapazas como lle mandaban sacar as cousas da mochila. El tirou a mochila no chan e colleu a rapaza, sacou a navalla do peto de atrás... Quero dicir que foi rapidísimo", conta unha testemuña do suceso.

Axiña alertaron a policía, mentres outros veciños acompañaban as vítimas do roubo.

"Estaban as rapazas moi desgustadas e a veciña que acabades de entrevistar, que saíu moi nerviosa. Estaba fregando e, ao ver o coitelo, ela púxose moi nerviosa porque non quería que saíse o home enfrontarse a el", asegura outra veciña do barrio.

Os axentes chegaron cando o home fuxía e perseguírono. Ao verse acurralado, tomou unha persoa como refén e tamén a ameazou coa navalla. A policía desarmouno e detívoo. 
 
Os veciños e as empregadas do supermercado celebran o arresto, pero o suceso preocupa neste barrio compostelán.

"Hai moitos roubos, cada dous por tres está a policía aquí. Fainos pensar que no futuro pode haber cousas máis gordas", opina a empregada do supermercado.

O suposto autor deste roubo con violencia e intimidación está pendente de pasar a disposición xudicial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade