O traballador dun supermercado en Lugo evita un roubo enfrontándose ao atracador
O traballador dun supermercado en Lugo evita un roubo enfrontándose ao atracador
O atracador, que xa foi detido, ameazouno cun coitelo
O empregado sufriu varios cortes nas mans
Os empregados dun supermercado de Lugo frustran un atraco a punta de navalla. Un dos traballadores enfrontouse ao ladrón, que pretendía levar a recadación da caixa. A policía detivo o atracador, que, ademais de vivir como ocupa case en fronte do establecemento, era ademais cliente do supermercado.
Estaban a punto de pechar cando o empregado que estaba na caixa levou unha desagradable sorpresa. "Eu estaba na caixa, no meu posto habitual, cando sentín que me poñían no pescozo un metal frío e me pide que entregue todo o que hai na caixa. Forcexamos e nese momento atopei a escoba e con ela defendinme. Esvarei e caín e el botouse enriba de min mentres me ameazaba con cravarme o coitelo. Nese momento chegaron as miñas compañeiras e el saíu do local".
"Eu vin os dous tirados no chan. O meu compañeiro tentou quitarlle o coitelo e deulle cunha vasoira na cabeza ao atracador", conta outra traballadora do establecemento.
O atracador marchou sen botín, pero lanzando ameazas aos empregados. A súa identificación foi fácil, porque vive como ocupa case en fronte do establecemento, do que ademais era cliente ocasional. "É un cliente habitual que reside nesta zona"; "As veces entraba aquí a mercar cervexa".
No enfrontamento o traballador sufriu varios cortes na man. "A miña reacción foi tentar collerlle a man e quitarlle o coitelo. Non sei si sería a adrenalina do momento, o certo é que non o pensei. Non sei si fixen ben ou mal porque obviamente a miña integridade correu risco".
Se é hoxe igual o pensa mellor. "A miña esposa xa me dixo: tes que pensar na túa vida e pensar en nos tamén".
O atracador foi detido e pasou a disposición xudicial.