A Policía Nacional investiga roubos "silenciosos" na comarca de Ferrol
A Policía Nacional investiga roubos "silenciosos" na comarca de Ferrol
Nun deles, en Caranza, levaron xoias e máis de 5.000 euros
Os ladróns vixían as vivendas e, cando están seguros de que se atopan baleiras, entran con tranquilidade sen forzar a pechadura, como se fose cunha chave mestra
Os axentes sospeitan dunha banda desartellada en Santiago hai unhas semanas
A policía investiga en Ferrol un roubo polo chamado método do bumping ou roubo silencioso. Os ladróns vixían as vivendas e, cando están seguros de que se atopan baleiras, entran con tranquilidade sen sequera forzar a pechadura, coma se fose cunha chave mestra.
A policía investiga este roubo e outro en Fene e non desbota que fora cometido por unha banda itinerante detida en Santiago hai unhas semanas á que se atribúen máis roubos destas características en cidades como Ourense ou A Coruña.
Despois de pasar boa parte do verán noutra localidade da comarca, os veciños vítimas do roubo atoparon a súa vivenda da rúa Lepanto sen as súas xoiais de máis valor e ata 5.000 euros en efectivo. Os axentes da Policía Nacional que investigan os feitos sospeitan sen moito temor a equivocarse que o asalto se produciu polo método do bumping ou impresioning. Ou roubos silenciosos na terminoloxía máis próxima.
O modus operandi pasa por vixiar as vivendas para que non haxa xente; para iso usan silicona ou pegamento na parte baixa das portas. Unha vez comprobada a ausencia prolongada dos propietarios ou inquilinos, chegan con utensilios como os que usan os cerralleiros, cos que alteran os pistóns do peche de seguridade ata que abren como cunha chave mestra. Unha vez dentro, os cacos elixen o botín.
Os investigadores cren que pode tratarse dun golpe cometido por unha banda detida a mediados do pasado mes de agosto en Santiago. Sospeitan que este roubo de Caranza se descubriu agora, pero puido cometerse meses antes por esta banda. Foron tres as persoas arrestadas que ademais deixaron un policía ferido nese momento cando tentaron fuxir. Imputábanlles, ata esta semana, once roubos en pisos de provincias da Coruña e Ourense. Os detidos, de idades comprendidas entre os 33 e 35 anos, pasaron xa á disposición do Xulgado de Instrución Número 1 de Ferrol.