A Policía Xudicial analiza a narcolancha que varou na praia de Nemiña, en Muxía
A Policía Xudicial analiza a narcolancha que varou na praia de Nemiña, en Muxía
Os investigadores buscan pistas sobre a súa procedencia e se ten relación con outras atopadas recentemente na costa
Coas tripas dos motores ao descuberto, a narcolancha varada en Muxía sométese á análise minuciosa da Policía Xudicial. Varou na praia xa baleira, pero os investigadores analizan agora as súas compoñentes para tentar recabar información sobre a orixe desta embarcación.
Máis de seis horas tardaron os equipos municipais en trasladala á nave do punto limpo dos Muíños dende a praia de Nemiña, a uns dez quilómetros de distancia.
Foi nese areal onde se fixeron as primeiras inspeccións e medicións, e onde se puido ver as dimensións da planadora. Calcúlase que pode superar os dez metros de eslora e tiña catro motores de gran cilindrada.
Polo peso e as dimensións que ten, houbo que realizar varios intentos para volteala e sacala da area, operación que finalmente puido completarse cun guindastre. Tiña danos no casco, o que podería indicar que levaba varios días á valga antes de varar na area.
Este tipo de embarcacións, de gran tamaño e potencia, úsanse habitualmente para operacións de descarga de droga a terra e logo abandónanse á deriva.
A Policía Xudicial da Garda Civil encárgase agora da investigación, para determinar -por exemplo- se esta narcolancha ten relación con outras varadas recentemente na costa galega, ou co Poseidón, o narcosubmarino que apareceu á valga na ría de Arousa.
De momento a embarcación permanece en estudo nas instalacións do punto limpo en Muxía.