A praga do verme gris ameaza o millo
A praga do verme gris ameaza o millo
Só en Mazaricos houbo que resementar cen hectáreas, pero pode estar en toda Galicia
A seca favoreceu a proliferación do verme, que mata a planta en cuestión de días
O verme gris ou rosquilla é un dos peores inimigos do millo acabado de sementar. Non é unha praga nova, pero este ano multiplicouse de maneira alarmante polo tempo seco.
"É unha praga moi voraz que co millo pequeno, moitos vermes e temperaturas altas pode estragar a leira completa, incluso hai que resementar nalgúns casos", comenta o enxeñeiro agrónomo Pablo Amado.
"Vino o domingo e acto seguido collín a sementadora porque preguntei aos técnicos e dixéronme que non agardase, porque ao mellor o martes non hai leira" explica Jonathan Cives, gandeiro de Mazaricos.
O verme mata a planta moi rapidamente, comendo o talo pola base. Algúns gandeiros de Mazaricos e Santa Comba xa tiveron que volver sementar leiras enteiras, cos gastos e minguas na futura colleita que iso supón.
"Xa non é que haxa que sulfatar varias veces, o que máis custa é volver sementar, uns 750 euros por hectárea, e porque obriga a poñer outro ciclo de millo máis curto, que nos dá menos quilos de produción final, menos da metade", engade o gandeiro.
Os expertos aconsellan vixiar as plantacións na busca de síntomas e botar tratamento se fai falta, mellor nas horas da tardiña e co terreo mollado.
"Como está o terreo seco, se aumentamos a cantidade de auga no caldo, coseguimos máis eficacia. Mesmo se podemos regar a finca despois do tratamento insecticida actúa mellor", di o enxeñeiro.
Cando o millo medra, a rosquilla xa non pode danalo, así que é agora cando hai que actuar para protexer o principal alimento das ganderías do país.