O Obradoiro, ateigado no inicio da Peregrinación Europea da Mocidade
O Obradoiro, ateigado no inicio da Peregrinación Europea da Mocidade
A apertura contou coa presenza do arcebispo de Santiago e do presidente da Conferencia Episcopal Española
Uns 12.000 mozos participarán do programa de actividades ata o vindeiro domingo
Uns 12.000 mozos participan estes días en Santiago na Peregrinación Europea da Mocidade organizada pola Igrexa católica. O acto inaugural tivo lugar esta tarde nunha ateigada praza do Obradoiro, que contou coa presenza do bispo de Santiago, Xulián Barrio, e do presidente da Conferencia Episcopal Española, entre outras autoridades eclesiásticas. É o arranque dunha cita que se prolongará ata a fin de semana.
Santiago alberga un ano máis a Peregrinación Europea da Xuventude con milleiros de mozos que chegan á capital de Galicia polos distintos camiños. Para aloxar uns 12.000 rapaces habilitáronse colexios e pavillóns de toda a comarca e algunha nave industrial que acollerá preto de dúas mil persoas. A maior parte do día estarán participando en talleres e actividades.
Os concertos serán outros dos protagonistas, con máis de 80 horas de música en directo en cinco escenarios diferentes. O evento está organizado pola arquidiocese de Santiago de Compostela xunto coa subcomisión de Xuventude e Infancia da Conferencia Episcopal Española. Un milleiro de rapaces chegan do estranxeiro ata a cidade compostelá, que estará tomada pola mocidade cristiá ata o vindeiro domingo.