A primeira intervención arqueolóxica no Castelo de Mesía descobre accesos ocultos
A primeira intervención arqueolóxica no Castelo de Mesía descobre accesos ocultos
A fortificación data orixinalmente de finais do século XIII ou comezos do XIV
Na escavación descubriron as escaleiras de conexión entre o torreón do río e o castelo
O obxectivo é consolidar as ruínas e facilitar as visitas e a contextualización do lugar
A primeira intervención arqueolóxica que se fai no castelo de Mesía esta sacando á luz partes ata agora descoñecidas. Os restos da torre-fortaleza son Ben de Interese Cultural desde hai case 30 anos. Desde entón o Concello mantén sinalizada e limpa de vexetación a contorna para que quen se achega ata aquí se poida dar unha idea da dimensión desta fortificación, que data orixinalmente de finais do século XIII ou comezos do XIV. O obxectivo do traballo que están facendo os arqueólogos da cooperativa Árbore é que a comprensión que poidan sacar destas ruínas os visitantes sexa moito máis relevante.
Agora están escavando na torre, a zona principal de residencia dos señores de Mesía que puido ter ata 16 metros de altura, unha dimensión que non respondía só a intereses defensivos, senón de visualización do poder feudal. Amais da torre, os arqueólogos fixeron tamén unha prospección nos restos dunha estrutura defensiva próxima que hai na beira do río Samo, para entender a súa vinculación co edifico principal. Confirmaron que era tamén un pozo no que acumulaba a auga do río por filtración e lles permitía abastecerse de maneira segura.
Buscando a conexión deste anexo coa torre principal deron con estruturas orixinais ata agora descoñecidas, coma unhas escaleiras de acceso ate o de agora ocultas pola maleza e os aterramentos que fora consolidando o tempo. Esta é so unha primeira intervención feita por iniciativa da cooperativa Árbore en colaboración co Concello de Mesía para chamar a atención sobre a necesidade de facer actuacións urxentes para consolidar as ruínas e tamén para marcar posibles actuacións para poñer en valor este patrimonio.