A Radio Galega celebra cos oíntes na rúa o Día Mundial da Radio
A Radio Galega celebra cos oíntes na rúa o Día Mundial da Radio
A xornada conmemórase este ano co lema 'Radio e paz'
Máis preto ca nunca dos oíntes. A Radio Galega case que baleirou o estudio para celebrar na rúa este Día Mundial da Radio.
Kiko Novoa, director e presentador do 'Galicia por diante' explica que "queremos trasladar este día mundial da radio onde nos escoitan. As rúas, os coches, os postos de traballo".
Porque a radio informa, pero tamén escoita e acompaña como se pode comprobar cos protagonistas dun día en que a rúa achegou ao micrófono taxistas, hostaleiros, empresarios e moita xente anónima.
A radio é inmediatez. E, por sorte, sabe adaptarse aos tempos.
Presentador do programa 'A tarde', Antonio Rebollido di que "hoxe, onde hai un teléfono, hai unha emisora de radio. Porque aí temos un micrófono e alguén que pode participar en calquera dos múltiples programas que temos nesta emisora".
E da rúa, de novo á redacción, onde o traballo segue, como cada día, nesta data que conmemora a primeira emisión da radio das Nacións Unidas, un 13 de febreiro de 1946.