Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Real Academia Galega homenaxea en Valdeorras a Florencio Delgado Gurriarán

A Real Academia Galega homenaxea en Valdeorras a Florencio Delgado Gurriarán

A sesión plenaria extraordinaria do Día das Letras Galegas celebrouse en Córgomo, a parroquia natal de Gurriarán

A Academia destaca a calidade da súa obra e o seu compromiso social, cultural e político desde o exilio

Perfil do poeta

G24.gal 17/05/2022 18:39

A Real Academia Galega desprazouse a Valdeorras para renderlle homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas de 2022. Poeta, tradutor, activista cultural e político, a Academia destaca a calidade da súa obra literaria, e tamén o seu compromiso coa terra e a súa militancia galeguista desde México, a onde se exiliou en 1939.

As súas tres fillas e parte dos seus netos viaxaron desde os Estados Unidos e desde México para asistir á homenaxe. Foi o reencontro da familia americana de Florencio Delgado Gurriarán co Córgomo natal do seu pai, do que sempre, aseguran, lle escoitaron falar.

A sesión plenaria da Real Academia deste 17 de maio tivo lugar na Aira dos Bolos, un lugar cargado de simbolismo na vida e na obra do homenaxeado. Aquí pasaba horas xogando aos birlos, como despois inmortalizou nos versos de 'Galicia infinda'.

Víctor Freixanes, presidente da RAG, iniciaba así o acto: "Córgomo é hoxe a capital literaria de Galicia e a capital universal da lingua galega. Desa Galicia infinda da que falaba o noso homenaxeado"

Coa homenaxe a Delgado Gurriarán, a Real Academia fai tamén un recoñecemento a todos os galegos republicanos que tiveron que exiliarse en México despois da Guerra Civil, onde el viviu durante anos ata falecer en California en 1987.

"Regresaron á política e á cultura. Á política como maneira de regresar canto antes a esa patria que tiveran que abandonar. Á cultura como preservación da súa propia identidade", asegurou Ramón Villares, membro da RAG.

A Academia destaca de Florencio Delgado a súa calidade literaria unida ao compromiso político e defensa do galego.

Rosario Álvarez, directora da Sección da Lingua da RAG, asegurou: "É imposible achegarse á obra de Florencio Delgado Gurriarán sen percibir a emoción coa que evoca a emoción e as paisaxes da terra amada".

Xesús Alonso Montero, membro da RAG, di: "Foi un poeta das cousas das terras de Valdeorras, ou sexa, poeta matriótico. E asemade tamén foi poeta das causas, é dicir, poeta cívico, poeta patriótico".

O presidente da Real Academia destacou a importancia de seguir a estela dos que, coma Gurriarán, loitaron polo galego.

Así o expresaba Víctor Freixanes: "Se aceptamos que a lingua é un territorio de unión, modernidade e afectos, marca de identidade por enriba de siglas e diferenzas, oxalá saibamos atopar novas iniciativas para avanzar no seu desenvolvemento integrando por enriba de siglas e de etiquetas todos os axentes sociais que poidamos sumar, todos serán poucos". 

O acto rematou co himno galego.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade