Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un estudo profesional recolle por primeira vez a realidade sociolaboral das redeiras

Un estudo profesional recolle por primeira vez a realidade sociolaboral das redeiras

Este oficio artesán, ocupado por mulleres nun  91 %, precisa da remuda xeracional

A Consellería de Traballo e a Federación Galega de Redeiras asinaron un convenio  para formar 345 persoas

Redeiras traballando no porto de Malpica
G24.gal 10/06/2023 14:43 Última actualización 10/06/2023 18:31

As redeiras contan desde hoxe co primeiro estudo sobre a realidade sociolaboral do seu oficio. Constata que a idade media das traballadoras supera os 50 anos e que é necesaria unha formación que permita a remuda xeracional. Os datos presentáronse este sábado en Malpica. 

Poucos oficios relacionados co mar quedaban sen un estudo sociolaboral que permitise coñecer as condicións reais de traballo e a partir del planificar as necesidades do sector.

O de redeira acaba de presentarse e faise en feminino, porque o 91 % das traballadoras son mulleres e os seus salarios moitas veces quedan por debaixo dos 1.000 euros.

"É un colectivo que ten unha idade avanzada, media de 53 anos, polo tanto o camiño ten que ir cara á preparación, a certificación e a formación destas mulleres. Hai que atraer cada vez a máis persoas e tamén valorizar o oficio e que exista esa seguridade e saúde laboral que é imprescindible para calquera profesión", asegura a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

"Agora mesmo dependendo da arte na que traballes tes unhas condicións ou outras. A máis castigada é a do cerco, porque non ten un horario fixo, dependes de que te chame o armador pola mañá, tirar para o porto onde está a rede e poñerte e arranxala. Traballas nun porto onde xeralmente non hai nin un baño para cambiarte, se chove múdaste debaixo dun beiril dun tellado, é a máis dura. Se traballas no palangre ou artes menores tes que dispoñer das horas necesarias para telo entregado o día que cho piden", Verónica Veres Tasende, presidenta de Federación de Redeiras Artesás de Galicia.

Nos últimos sete anos perdeuse un 36 % destas traballadoras. A Consellería de Traballo asinou un convenio de colaboración coa Federación Galega de Redeiras Artesás que formou 345 novas profesionais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade