Publicador de contidos
Publicador de contidos

Jorge Vilda cae arrastrado polo "caso Rubiales"

Jorge Vilda cae arrastrado polo "caso Rubiales"

Vilda cae tras apoiar a Rubiales na Asemblea do pasado 25 de agosto

As vinte e tres campioas do mundo asinaran un comunicado canda oitenta xogadoras en que renunciaban a ser seleccionadas ata que houbese cambios na Federación

G24.gal 05/09/2023 20:39

Jorge Vilda xa é pasado na selección feminina de fútbol. A súa continuidade pendía dun fío tras o tsunami desatado polo seu máximo valedor Luis Rubiales. A asemblea incendiaria en que se negou a dimitir polo bico non consentido a Jenni Hermoso foi a que activou o tempo engadido do adestrador. 

"Non vou dimitir! Non vou dimitir!", berrou Rubiales na Asemblea Extraordinaria da RFEF do pasado 25 de agosto. 

Os aplausos convencidos de Vilda a ese discurso provocaron unha reacción en cadea. Once integrantes do seu corpo técnico dimitiron. As vinte e tres campioas do mundo asinaron un comunicado apoiado por 80 xogadoras en que anunciaban que non volverían á selección mentres continuasen os actuais dirixentes. Vilda intentou desmarcarse vinte e catro horas despois da esperpéntica actuación de Rubiales cun comunicado de desculpas, pero a fenda era demasiado grande. 

A actitude do seleccionador agravou unha ferida que levaba sangrando dende a decepcionante Eurocopa de 2022. E xusto despois, cando quince xogadoras pediron non ser convocadas ao tempo que se reclamaban melloras na xestión do equipo e se apuntaba directamente ao técnico. O mesmo ca Rubiales na asemblea do 25 de agosto, tamén Vilda se presentou daquela como vítima.

"A maior dor que sinto é por todas as persoas que teño detrás e por todo o que sufrimos para chegar a onde estamos. Esta lea montouse por intereses particulares. O ridículo que facemos é mundial", asegurou daquela o exseleccionador nacional. 

Un ano despois desas palabras, a inhabilitación de Rubiales pola FIFA deixou a Vilda sen o único apoio con que contaba. Pedro Rocha, presidente interino da Federación, comunicoulle este martes que o seu tempo á fronte da selección feminina acabou. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos