A ría de Noia está a piques de rematar a súa peor campaña de marisqueo
A ría de Noia está a piques de rematar a súa peor campaña de marisqueo
A Confraría de Noia anuncia o peche da campaña dez días despois de comezar por mor da alta mortaldade do marisco
Aseguran que a causa principal é o baleirado de auga doce procedente do encoro do Tambre
Na ría de Noia non lembran unha campaña marisqueira tan mala coma a deste ano. As capturas de ameixa e berberecho na primeira semana non superaron os 15.000 quilos. Na do ano pasado, segundo os datos da confraría, colleran case o triplo nunha soa xornada.
“Houbo un ano que houbo pouco, pero polo menos os primeiros días aínda se collía algo. Agora non se está collendo nada e todo é pequeno. Este ano é unha pobreza. Noia e toda a ría dependen do berberecho”, asegura un mariscador.
Máis do 80 % do berberecho morreu. A confraría achaca a mortaldade ao baixísimo nivel de salinidade da auga. Nalgúns puntos da ría, as medicións deron un índice de case o 0 %, cando o normal é que estea nun 20 %. Din que a causa principal é o baleirado de auga doce procedente do encoro do Tambre.
“Nós botámoslle parte de culpa ao encoro do Tambre, porque soltan a auga cando queren, soltan na baixamar. A Xunta ten que facer unha reunión cos afectados, cos concellos da ría e cos responsables do encoro para buscar unha solución”, asegura o patrón maior da Confraría de Noia, Santiago Cruz.
A confraría vaille solicitar esa reunión á Xunta o vindeiro luns. Ante a escaseza de capturas e para protexer a semente que queda nos bancos marisqueiros, o pósito decidiu rematar a campaña o xoves da próxima semana.
Un total de 1.700 profesionais terán que deixar de mariscar apenas dez días despois de comezaren a actividade.