A robótica axuda a camiñar a menores con trastornos de mobilidade
A robótica axuda a camiñar a menores con trastornos de mobilidade
Na Coruña presentaron recentemente o primeiro exoesquelete pediátrico
Está pensado para doentes con atrofia muscular espiñal ou parálise cerebral
Se a intelixencia artificial está de moda non o está menos a robótica, pois en campos como o clínico está a experimentar grandes avances no tratamento de pacientes con problemas de mobilidade que lles permiten moverse de novo.
Hai unhas semanas presentábase na Coruña un exoesqueleto único, xa que, segundo os seus promotores, é o primeiro adaptado para poboación infantil.
"Fixéronse principalmente para os adultos, que levan varios anos, pero este é o primeiro pediátrico. O obxectivo básico é que o paciente se poida poñer de pé e poida camiñar", relata Carlos Rodríguez, director do centro de neurorrehabilitación Sinapse.
A palabra máxica é exoesqueleto: unha armazón de aluminio e titanio que mediante oito motores reproduce o movemento natural do corpo dos nenos. Está pensando inicialmente para rapaces e rapazas con atrofia muscular espiñal ou parálise cerebral.
A estrutura mecánica traballa reducindo as complicacións destas enfermidades e mellora así a autoestima dos menores.
"En xeral, cando hai unha limitación da mobilidade ou da capacidade do corpo de realizar estes movementos, pode axudar de xeito mecanizado pero, nestes momentos, nun contexto clínico. Necesitamos un profesional que teña a capacidade de saber que é o que necesita o neno en cada momento", matiza Carlos Rodríguez.
Polo momento, en Galicia este asistente robótico só está dispoñible nunha clínica privada, aínda que os seus creadores pretenden levalo ao maior número de nenos posible. Un reto co que devolver o riso dos primeiros pasos aos máis pequenos.