A seca provoca cortes na subministración de auga en varios concellos ourensáns
A seca provoca cortes na subministración de auga en varios concellos ourensáns
En Ribadavia levan semanas con problemas na subministración pola seca do regato Maquiáns, no que realizaban a captación da auga. Agora teñen que bombeala do río Avia e só dispoñen de catro horas e media ao día de auga da traída. Este sábado celebran a multitudinaria Festa da Istoria, á que acoden milleiros de persoas. Os cortes de auga non afectan a zona máis céntrica onde se desenvolven a meirande parte das actividades da festa.
Na zona histórica non poden facer cortes porque aí o estado das tubaxes podería provocar roturas que agravarían o problema. Están a traballar nunha nova captación, e mentres seguirán os cortes.
"Ribadavia ten un depósito que equivale ao mesmo que consome Ribadavia nun só día, polo tanto non temos capacidade de remanente e dependemos extremadamente dun regato que está seco. Polo tanto non hai outra alternativa que facer recortes e continuar co transporte de auga dende o río Avia ata o depósito, e ao mesmo tempo tentar que as levadas do concello de Carballeda de Avia faciliten no que poidan esa subministración", explica Brais Fidalgo, portavoz do concello de Ribadavia.
Outros concellos da provincia como Muíños, Trasmiras, Riós ou Baltar están a sufrir tamén problemas pola seca.