Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Semana Santa cos carburantes máis caros

A Semana Santa cos carburantes máis caros

Malia a rebaixa de 20 céntimos, a gasolina está un 22 % máis cara ca hai un ano e o gasóleo, un 38 %

G24.gal 08/04/2022 14:29

A pesar da rebaixa de 20 céntimos por litro no combustible, esta Semana Santa será a dos prezos máis altos da historia nos carburantes. Encher o depósito dun turismo, 55 litros aproximadamente, vainos custar 16 euros máis ca o ano pasado no caso da gasolina e ata 25 no caso do gasóleo, o combustible que máis encareceu ultimamente. 

Segundo o último Boletín do Petróleo da Comisión Europea, o prezo medio en España sitúase en 1,60 euros a gasolina e 1,65 o gasóleo, co desconto de 20 céntimos. No caso do gasóleo, o incremento con respecto á anterior Semana Santa, é do 38 por cento. A gasolina subiu un 22 por cento.

"A máis cara da historia non sei, seguro que aínda virán máis caras". "Paréceme excesivo, porque ademais agora está baixando o petróleo e non repercute nas gasolineiras". "Véxoo caro, pero a axuda de 20 céntimos é unha axuda boa", comentan varios clientes mentres recargan.

A gasolineira Jesús Lorenzo e Hijos, situada nunha das saídas de Ourense cara á Ribeira Sacra, asegura que as súas vendas baixaron un corenta por cento, e non ten boas perspectivas para Semana Santa.

Santiago Conde, xerente da estación de servizo: "O que levo visto, falando aquí coa xente, é que van coller o coche, levalo ao hotel, e aí queda o coche. A facer sendeirismo".

Na última semana, desde que entrou en vigor a rebaixa de 20 céntimos por litro, os prezos caeron un 11 por cento no caso da gasolina, e o 10 por cento no gasóleo.

Denuncia FACUA

A asociación FACUA de consumidores acaba de denunciar máis de 200 gasolineiras en toda España, catro en Galicia, por subiren os prezos o día que entraron en vigor os descontos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar