Gandeiros Galegos da Suprema denuncian un engano aos consumidores
Gandeiros Galegos da Suprema denuncian un engano aos consumidores
Din que se vende carne de fóra e de cebadeiro baixo o seu selo
Os gandeiros galegos da Suprema, que son os provedores da que está recoñecida como unha das mellores carnes do mundo, levan máis dun mes en folga reivindicando que se lles pague un prezo que, polo menos, cubra os custos de produción.
Polo que é imposible que a carne dos seus becerros estea nos supermercados, pero denuncian que se está vendendo carne de animais procedentes de cebadeiros como Suprema e tamén carne procedente de animais que veñen de fóra de Galicia.
Os Gandeiros Galegos da Suprema están cheos de loitar para que se lles pague a carne dos seus becerros para que, polo menos, cubra os custos de produción. Páganlles de media a 5.60 o quilo cando para que cubrise mínimo tería que ser a 7 euros.
O beneficio queda na industria intermediaria xa que os consumidores pagan uns 13 euros por quilo, consumidores que, segundo nos contan, están sendo enganados, xa que en moitos lineais mantense o selo rosa da Suprema cando o que se vende non é carne desta calidade, senón carne procedente de cebadeiros e tamén doutras comunidades.
Luís leva 24 anos nunha explotación en que o benestar animal é esencial, igual que pasa na de Mari, onde as vacas non son números, senón que cada unha ten o seu nome. Esta gandeira, licenciada en relacións laborais, incorporouse hai 14 anos á explotación que tiñan seus pais en Becerreá.
Se as cousas non cambian, Mari non quere que a súa filla Carolina continúe coas vacas. Cre que se non se protexe os gandeiros que loitan por un manexo tradicional e coidadoso do gando, produtores dunha carne de máxima calidade, o fin do rural estará moi próximo.