Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Semana Verde, o escaparate das razas autóctonas galegas

A Semana Verde, o escaparate das razas autóctonas galegas

Elixíronse os mellores exemplares das ganderías en cinco concursos morfolóxicos

O sector admite que é un bo momento na recuperación das razas autóctonas

G24.gal 01/06/2024 20:52

Os mellores exemplares de razas autóctonas galegas poden verse na edición número 46 da Feira Internacional Semana Verde, onde xa se coñecen os gañadores deste ano. No caso do gando bovino presentáronse 14 ganderías en cinco concursos morfolóxicos.

Son oficialmente as mellores vacas de razas autóctonas galegas, aquelas que representan de xeito idóneo as características morfolóxicas das cachenas, vianesas, caldelás, limiás e frieiresas. Aínda que son razas minoritarias cada vez recoñécese máis o seu valor e aumentan os gandeiros que apostan por elas. 

"A verdade é que os censos mantéñense e nalgunhas razas como a limiá incrementáronse bastante nos últimos anos, grazas aos gandeiros que optaron por elas. Moitas veces porque é unha opción para aqueles que teñen que abandonar outro tipo de producións e optan polas razas autóctonas para compatibilizar con outro tipo de traballos", explica Davide Outeiro, director técnico das razas cachena, limiá, vianesa, frieiresa e caldelá.

A Semana Verde é un dos seus mellores escaparates, para o público xeral e tamén para a xente do sector. 

"É un punto imprescindible onde novos gandeiros contactan con nós, de feito botamos todo o día falando con xente que se interesa para incorporarse. É inescusable vernos todos, falarmos todos tamén arriba no Salón de Alimentación do Atlántico, onde teñen os postos moitos dos nosos produtores", asegura Outeiro.

O sector insiste en que o mellor xeito de conservar as razas autóctonas é recoñecer a súa calidade no prato.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade