A SEMG reclama recoñecemento e incentivos económicos para os médicos rurais
A SEMG reclama recoñecemento e incentivos económicos para os médicos rurais
O problema da escaseza de médicos para cubrir as vacantes na Atención Primaria é máis urxente nas zonas afastadas, onde cada ano quedan vacantes sen cubrir
Alberto Foo é o presidente en Galicia da Sociedade de Médicos Xerais e de Familia. Exerce en Laza, a 30 quilómetros do hospital comarcal máis próximo, e ve oportunidades para captar médicos mir e rurais na ampliación da oferta formativa.
"Fixen unhas aulas de ecografía clínica e logramos vincular residentes ata 2026. Xa rotaron 10 de toda España. Isto quere dicir que podemos conseguilo se os vinculamos con formación, ideais e coñecemento da medicina rural de familia, dixo Alberto Foo, o Presidente da SEMG en Galicia.
Propoñen medidas como períodos de rotación de todos os mir por zonas rurais nos seus 4 anos de residencia. A presidenta da SEMG que exerceu 17 anos nun concello rural da provincia de Lugo explica que cómpren incentivos e recoñecemento social, para todos os médicos que exercen en zonas afastadas, envellecidas e con poboamento disperso.
"Traballei a cen quilómetros ida e cen volta e iso supón, e poño un exemplo, que tiña que cambiar as catro rodas do coche cada tres meses, cobrando o mesmo ou algo menos que os médicos das zonas urbanas. Iso non pode ser", Pilar Rodríguez, presidenta da SEMG
Cren que Galicia ten unha oportunidade no relanzamento da medicina rural grazas aos avances na historia clínica dixital e na telemedicina. Apostan por consultas compartidas, nas que coa presenza do médico de familia, se poida consultar en tempo real cun especialista o problema dun paciente. E tamén por máis medios diagnósticos nos PAC onde se atenden as urxencias. Subliñan en especial as necesidades no eido da traumatoloxía.