Publicador de contidos
Publicador de contidos

A situación do lixo na Coruña está "case normalizada" tras retirar 800 toneladas

A situación do lixo na Coruña está "case normalizada" tras retirar 800 toneladas

Os residuos están a ser retirados pola empresa contratada de urxencia tras a declaración da emerxencia sanitaria

Por primeira vez desde que comezou a folga hai cifras próximas ao 100 % de recollida nalgúns barrios

Lixo acumulado no barrio das Lagoas este martes (EFE / Moncho Fuentes) Lixo acumulado no barrio das Lagoas este martes (EFE / Moncho Fuentes)
G24.gal 07/08/2024 15:46

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, informou este mércores de que a situación da recollida de lixo na cidade "está case normalizada" tras a retirada de 814,1 toneladas de residuos por parte da empresa contratada de emerxencia, Valoriza.

O persoal do servizo de recollida de lixo está en folga desde o 24 de xuño, pero ningún traballador secunda os paros, aínda que o servizo non se presta con normalidade, o que levou ao Concello para declarar a emerxencia sanitaria.

Rey sinalou que as "porcentaxes de recollida" de Prezero, a concesionaria, son "superiores" ás das últimas semanas, o que unido ao traballo de Valoriza fai que "a situación estea case normalizada, aínda que quedan algúns puntos por recoller", sobre todo de cartón, papel e vidro, que asegura que "se regularizará esta semana".

A rexedora celebrou que a "situación vai mellorando notablemente". De feito, por primeira vez desde que comezou a folga, hai cifras próximas ao 100 % de recollida nalgúns barrios.

"Esperamos que nos próximos días estea todo normalizado, aínda que se manteña a emerxencia sanitaria", expuxo.

Ademais, na tarde do martes ardeu un colector de vidro na rúa Torno, o que fai que sexan 160 os que se queimaron desde o inicio dos paros.

O Concello da Coruña puxo en coñecemento da Fiscalía tanto a "folga atípica" do persoal -así a cualifica a alcaldesa- como os actos vandálicos da queima de contedores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade