Publicador de contidos
Publicador de contidos

Lara Méndez recibe o bastón de mando do concello de Lugo co apoio do BNG

Lara Méndez recibe o bastón de mando do concello de Lugo co apoio do BNG

A socialista, que vai gobernar en coalición cos nacionalistas, afronta un terceiro mandato 

G24.gal 17/06/2023 13:21 Última actualización 17/06/2023 14:59

A socialista Lara Méndez foi reelixida alcaldesa da cidade de Lugo para afrontar un terceiro mandato grazas ao apoio dos cinco edís do Bloque Nacionalista Galego, que, sumados aos oito do PSdeG, danlle a maioría absoluta na corporación municipal.

Nun salón de plenos abarrotado, os concelleiros e concelleiras tomaron posesión da súa acta tras a constitución da mesa de idade, formada polos edís socialistas Jorge Bustos e Miguel Fernández, o máis novo e o de maior idade do pleno, respectivamente.

Os edís do BNG tomaron posesión da súa acta prometendo “por imperativo legal” gardar a Constitución e con lealdade ao Rei, ademais de comprometerse “a defender os intereses xerais dos veciños de Lugo e os dereitos nacionais do pobo galego”, coa man sobre un exemplar de Sempre en Galiza, de Castelao, unha primeira edición completa de 1961.

A continuación, votaron en urna polas dúas únicas candidatas, Elena Candia, do Partido Popular, e Lara Méndez, do Partido Socialista.

Non houbo sorpresas e Lara Méndez foi elixida alcaldesa por 13 votos, mentres que Elena Candia sumou doce.

Lara Méndez recoñeceu que é un día “importante, á vez que bonito e ilusionante”, porque se inicia “unha nova etapa, catro anos por diante para seguir transformando” a cidade de Lugo.

En declaracións aos medios, tamén dixo que adquire de novo “o compromiso cos lucenses” para “seguir traballando por unha transformación económica sostible, pensada nas persoas”.

“Esixirémonos todos os días para sacar adiante os grandes proxectos de transformación, pero tamén as pequenas cousas e actuacións que melloran a vida dos nosos veciños e veciñas (...).  O mesmo que lle esiximos á oposición”, dixo.

"Un gran día"

Rubén Arroxo exercerá como tenente de alcalde no futuro goberno de coalición, formado por socialistas e nacionalistas.

“É un gran día. Iníciase o tempo dunha nova corporación municipal. Imos levar adiante moitos retos que temos pendentes, que son necesarios para Lugo. Estamos a falar de seguir coa construción desa cidade amable na que estivemos a traballar durante os últimos catro anos”, dixo o nacionalista.

En todo caso, tamén lembrou que o goberno local seguirá "reivindicando que Lugo deixe de ser a cidade máis illada, practicamente, do Estado", e coidando "o patrimonio cultural e natural que ten", porque posúe "gran potencial" para promover "un turismo sostible".

Agradecemento e compromiso

Pola súa banda, Elena Candia dixo que este 17 de xuño é “un día de agradecemento e de compromiso” para os edís do Partido Popular coa cidadanía de Lugo.

“É un día de agradecemento aos 21.500 lucenses que depositaron a súa confianza no noso proxecto político e fixéronnos gañadores das eleccións”, asegurou.

Do mesmo xeito, manifestou a intención do seu grupo de traballar de xeito "construtivo, rigoroso e útil" para "converter Lugo no que sempre dixemos que debe ser, o motor desta provincia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade