A suba do gas pon en alerta as comunidades con calefacción central
A suba do gas pon en alerta as comunidades con calefacción central
Piden que se lles permita acceder ás tarifas vantaxosas do mercado regulado
Os expertos aconsellan instalar contadores individuais e reducir tempos e temperaturas
Outubro é o mes tradicional de acendido das calefaccións comunitarias. Pero este ano os propietarios prefiren agardar o máis posible. O prezo do gas subiu exponencialmente e, malia baixada do IVE do 21 ao 5 %, temen que a factura do inverno os deixe conxelados.
"O gas subiu moito e non sabemos o que imos pagar os meses seguintes, temos que aforrar como sexa porque o que si sabemos é que os gastos se nos van disparar", explica Carmela Lavandeira, a vicepresidenta do Colexio de Administradores de Fincas de Galicia.
Que facer para aforrar sen pasar frío? Os expertos aconsellan apostar por sistemas máis eficientes, por illar tubaxes e por instalar contadores individuais, para pagar polo que cada un consome.
"Así ti sabes o que consomes. Se é moito podes poñelo a menos tempo ou a menos temperatura. Ou se vou de viaxe apago a calefacción e deixo de consumir", engade Carmela Lavandeira.
Consellos de aforro e unha demanda, a de que lles permitan acceder á tarifa regulada, máis económica pero reservada ás caldeiras individuais ou con menor potencia. Mentres permanezan no mercado libre, o consello é que as comunidades negocien e comparen prezos para lograr pequenas marxes de mellora.