A terminal de gas natural licuado de Galicia poderá operar con todo tipo de buques
A terminal de gas natural licuado de Galicia poderá operar con todo tipo de buques
Os traballos de modernización do peirao permiten subministrar tamén barcos pequenos
O obxectivo é avanzar no uso do GNL como combustible para transporte marítimo
A partir do ano que vén, calquera buque, mesmo o máis pequeno do mercado, poderá encher gas natural licuado na terminal de Mugardos. Coa incorporación deste novo sistema de mangueiras flexibles, poderán dar servizo, por exemplo, ás gabarras que abastecen os grandes barcos do porto.
"Coa transformación da terminal podemos recibir todo tipo de buques e subminístralles GNL. Agardamos que axiña o porto de Ferrol reciba grandes portacontedores que precisarán ese combustible e nós poderemos prestarlles ese servizo", explica Emilio Bruquetas, director xeral de Reganosa.
Na visita ao peirao, o vicepresidente primeiro da Xunta destacou o papel de Reganosa na implantación de novas enerxías como o gas natural licuado ou o hidróxeno verde. A este respecto, Conde pediu que o Goberno non exclúa Galicia da rede de hidrodutos que unirá España co resto de Europa.
"Que Galicia non sexa unha illa enerxética, tal e como está agora mesmo formulado por parte do Goberno. Nese sentido temos un traballo que desenvolver na Alianza galega do hidróxeno verde", declara Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia.
A mellora do peirao coincide co 15 aniversario da regasificadora. Un tempo en que recibiu máis de 400 gaseiros e xestionou a enerxía eléctrica que consomen anualmente 78 millóns de fogares.