Publicador de contidos
Publicador de contidos

A terraza que se derrubou en Palma non tiña licenza de actividade nin de ocupación

A terraza que se derrubou en Palma non tiña licenza de actividade nin de ocupación

A suma do exceso de peso provocado por unhas obras e unha sobrecarga de comensais puido desencadear o colapso

O alcalde avanzou que, de abrirse un proceso penal, o Concello comparecerá na causa

Imaxe de arquivo do inmoble sinistrado en Palma (Isaac Buj / Europa Press)
G24.gal 28/05/2024 11:31 Última actualización 28/05/2024 13:10

A terraza do Medusa Beach Club, que se derrubou a pasada semana causando catro mortos e 16 feridos, non dispoñía de licenza de actividade nin de ocupación.

Confirmouno este martes o alcalde de Palma, Jaime Martínez, nunha conferencia de prensa en que deu conta de varios informes emitidos por departamentos municipais. 

Segundo a Área de Actividades do concello, a planta soto dispón de licenza de bar musical, a baixa ten licenza de restaurante, pero a terraza non tiña nin licenza de actividade nin de ocupación. O  alcalde de Palma, Jaime Martínez, apelou á responsabilidade dos propietarios.

"Non podemos poñer un funcionario en cada un dos 5.000 locais que hai en Palma. Parece unha obviedade, pero non se poden facer obras ilegais nin levar a cabo actividades prohibidas en locais de pública concorrencia que non teñan licenza de actividade".

O alcalde, Jaime Martínez, adiantou que o Consistorio dará traslado dos informes á Policía Nacional e á Fiscalía. O alcalde engadiu que, en caso de abrirse unha proceso penal, o Concello comparecerá na causa.

Unha sobrecarga de comensais puido desencadear a traxedia

O xefe dos Bombeiros de Palma, Eder García, pola súa banda, apuntou como principal hipótese do derrube á suma do exceso de peso provocado por unhas obras e por unha sobrecarga de comensais.

Sobre este último extremo, García apuntou á posibilidade de que unha recolocación das mesas para acoller un grupo de 12 persoas acabase por provocar o colapso que desembocou na derruba. Na terraza, engadiu, habería naquel momento unha vintena de persoas.

Respecto ao contido dos informes, o da área de Actividades confirma que a terraza, como adiantou o alcalde, non tiña nin licenza de actividade nin de ocupación.

O informe de Obras constata que non había ningunha solicitude de licenza de obras e o de Disciplina Urbanística, que se abriron expedientes en 2013, aínda que ningún referido á zona da derruba.

Con todo, naquel ano si que se fixeron unhas obras no local que, entre outras medidas, supuxo a aplicación dunha capa de morteiro e o recubrimento de baldosas, o que provocou o exceso e peso ao que se referiu o xefe dos bombeiros.

En 2023, ademais, o inmoble recibiu unha Inspección Técnica de Edificios (ITE) desfavorable, aínda que non se comprobou se a propiedade executara as actuacións encamiñadas a emendar as deficiencias.

O alcalde de Palma anunciou que o consistorio porá en marcha este verán unha campaña de inspeccións nas zonas turísticas de Playa de Palma, Can Pastilla e Cala Major que afectará a diversas áreas municipais.

Tamén aclarou que o concello correrá cos gastos da repatriación dos restos de dúas das vítimas mortais a Senegal. Trátase dun home de 44 anos e dunha moza española pero de orixe senegalesa de 23 anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade