A tradición de almorzar chocolate con churros no Aninovo custará o mesmo que hai doce meses
A tradición de almorzar chocolate con churros no Aninovo custará o mesmo que hai doce meses
O seu consumo aumenta nas festas e especialmente nas de inverno
Haberá quen diga que unha ducia de churros por 4,30 euros é caro, pero nesta churrería de Santiago, nun día frío e húmido, parece que os regalasen. Hai ringleiras para levalos para a casa ou sentar nunha mesa a tomar un chocolate quente con churros acabados de fritir.
Ibai Castiñeiras, da Churrería La Quinta de Santiago, asegura que os seus prezos son competitivos.
"Nós temos prezo competitivo, temos o mesmo prezo case ca na feira, só hai un lixeiro plus por estar nun local".
Preguntámoslles aos clientes e a maioría están de acordo, sobre todo, os turistas.
De familia con churrerías ambulantes desde o bisavó, Ibai mantén o mesmo prezo desde 2022. Daquela, subiron a ducia de churros vinte céntimos, obrigados ante un mercado que non paraba de encarecer as materias primas e a luz.
"A luz quizais sexa o que máis inflúe ao ter todo eléctrico, pero intentamos ter maquinaria e luminaria de baixo consumo. Cando foi o tema da guerra de Ucraína quizais foi a fariña o que máis se notou, o aceite tamén tivo os seus picos, pero estabilizouse todo un pouquiño"
A clientela aumenta nas festividades locais, nas pontes festivas e agora, no Nadal, cun ambiente de tradición moi familiar. Todos, locais e foráneos, veñen buscando o segredo do churro perfecto, que en opinión de Ibai é...
"Un churro crocante pero escumoso por dentro"
Poucas cousas hai máis reconfortantes nos desapracibles días do inverno galego ca o doce capricho dun churro ben feito.