A tradicional beizón dos ramos dá inicio á Semana Santa de Ferrol
A tradicional beizón dos ramos dá inicio á Semana Santa de Ferrol
As cinco irmandades sairán á rúa con vintecatro procesións ata o Domingo de Resurrección
O sol acompañou a bendición dos ramos e das palmas en Amboaxe, unha tradición que cada ano congrega centos de devotos nesta praza e que dá inicio á semana da paixón, que Ferrol vive con gran devoción.
"Con moito entusiasmo, a verdade, estamos agardando que o Domingo de Ramos veña un pouco bo como é o día de hoxe, se fose así toda a Semana Santa moito mellor. A Semana Santa para os ferroláns é o máis".
"É algo que creo que a maioría dos ferroláns levamos dentro. Se nos chove un pouco e non o suspenden, mollámonos e saímos a acompañar e a celebrar esta Semana Santa".
Foi o punto de partida da procesión da entrada triunfal de Xesús en Xerusalén, cos pasos de San Xoán Evanxelista e da Borriquiña. É a segunda dun programa que inclúe vinte e catro desfiles, reclamo para devotos e tamén para milleiros de turistas, dispostos a participar da tradición cultural e relixiosa da cidade.
"Creo que quizais, do norte de España sexa a mellor, moi esplendorosa, durante toda a semana saen procesións".
"Sevilla ten as súas procesións, Viveiro ten as súas procesións e Ferrol ten un pouco de todo, é dicir, ten un pouco mesturado de toda a xente que viu a Ferrol durante moitos anos, xente que viña de toda España de moitos sitios, e ten un ambiente especial, e ademais a cidade nótase que revive en Semana Santa".
A Semana Santa de Ferrol ten máis de catrocentos anos de historia e cumpre unha década desde que foi declarada de interese turístico internacional. As cinco irmandades agrupadas na Xunta de Confrarías agardan que a meteoroloxía non desluza a beleza da súa celebración.