A USC investiga un caso de presunto acoso sexual dun estudante de Erasmus a varias alumnas
A USC investiga un caso de presunto acoso sexual dun estudante de Erasmus a varias alumnas
Como medida cautelar expulsaron o alumno da residencia universitaria que compartía con parte das denunciantes
A investigación está aberta, e polo de agora as alumnas non presentaron denuncia ante a Policía
A Universidade de Santiago está a investigar un presunto caso de acoso sexual a unhas 25 estudantes universitarias da Facultade de Ciencias Políticas.
As denuncias das alumnas foron postas en coñecemento da Secretaria Xeral da Universidade Santiago de Compostela, que unha vez recibidas puxo en marcha o protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual de xeito inmediato. Polo de agora estas denuncias non foron postas en coñecemento da Policía.
"Non só se activou o protocolo e se puxo en marcha a investigación, senón que tamén se acordou como medida cautelar sacar a ese alumno da residencia universitaria, porque alí había, parece que parte desa actuación indebida" explica Antonio López, reitor da USC.
O proceso comezou cando as alumnas informaron os colectivos de estudantes Xuntas por Políticas e Urxe do que lles estaba a suceder. Ante isto, non o dubidaron e presentaron os casos ao decano da Facultade de Políticas.
"Puxeron en coñecemento desta situación, de que se sentían acosadas por un alumno do centro. O que nos pediron foi como seguir procedemento" engade Irene Rodríguez secretaria e responsable de igualdade e xénero da Facultade de Políticas da USC.
Dende a propia facultade facilitáronlle toda a información dos pasos a dar e puxéronas en contacto coa Oficina de Igualdade da Universidade de Santiago.
O caso estase a investigar a nivel académico dende a Secretaria Xeral da USC, que designou un instrutor. Polo de agora a investigación está aberta e dependendo do informe final tomaranse as medidas oportunas.
Os colectivos de estudantes da Facultade de Políticas da USC, Xuntas por Políticas e Urxe, convocaron para este xoves, Día contra a Violencia da Muller, unha sentada reivindicativa ás doce da mañá e outra ás cinco da tarde.
Explican os dous colectivos que é un xeito de dar voz e visibilidade ás vítimas de calquera tipo de violencia por cuestións de xénero, pero neste caso no seo da comunidade universitaria.