A vacina do virus respiratorio sincipital reduce nun 89 % os ingresos por bronquiolite
A vacina do virus respiratorio sincipital reduce nun 89 % os ingresos por bronquiolite
Máis de 12.200 bebés de menos de seis meses e grupos de rescate puxeron a vacina no que vai de campaña
A vacina contra o virus respiratorio sincipital evitou unha media de 500 hospitalizacións infantís este inverno. O virus circulou como en anos anteriores, pero só se rexistraron 49 ingresos.
Federico Martinón, xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago, di que "en comparación coas estacións previas é unha redución do 89 % nas hospitalizacións en menores de seis meses por mor deste virus. Probablemente ao final da campaña os números poidan ser maiores se temos en conta todas as idades".
A campaña comezou en setembro e remata co mes de marzo. Levan máis de 12.200 picadas en bebés de menos de seis meses e grupos de rescate. A implicación das familias permitiu chegar ao 93 % de inmunización.
"A diferenza nas taxas de hospitalización nos grupos que recibiron a inmunización é absoluta. É practicamente unha liña plana", explica Martinón.
Galicia foi pioneira en vacinar os bebés fronte a este virus e serviu de espello para o resto do Estado. Pero modelo galego tamén se estuda a nivel internacional.
"Estamos recibindo peticións oficias de moitísmos organismos oficias de diferentes países de todo o mundo que, á vista do éxito deste programa en Galicia, están considerando a súa implantación para que tamén os seus lactantes poidan beneficiarse desta medida que, sen dúbida, marcou un antes e un despois no que é a bronquiolite dos nosos rapaces", relata o responsable de pediatría do CHUS.
Os datos son públicos e actualízanse semanalmente. Convenceron países como Holanda ou Chile, que xa incorporaron a vacina ao seu calendario. Outros como Alemaña, o Reino Unido ou Australia estúdano.